Gofres
Esta masa é moi sinxela. So hai dous trucos:
- Cargarlle de azucre e manteiga
- Fermentación longa a temperatura baixa
A masa non hai que amasala moito e o azucre, manteiga e fermentación longa danlle moito sabor á masa. Non é a receita máis lixeira do mundo, pero a larpeirada ocasional non fai mal a ninguén. Se non es conservador, podes baixar á metade a cantidade de azucre e botar bocartes salgados, aceitunas pretas e tomate deshidratado en anaquiños para facer gofres salgados.
Ingredientes
- 150 gramos de fariña de media forza
- 30 gramos de azucre
- 1 ovo
- 25 gramos de auga
- 2 gramos de lévedo
- Un chisco de vainilla
- 75 gramos de manteiga
- Un chisco de sal
- 75 gramos de azucre perlado
Preparación dos gofres
- Mesturar todo, agás o azucre perlado, nun bol e amasar até obter unha masa homoxénea.
- Deixar repousar 15 minutos e darlle outro amasado suave.
- Se usas o azucre perlado, mesturar e darlle un amasado de 2 minutos para distribuir os anacos de azucre.
- Facer unha bola e levedar toda a noite no exterior, se fai fresquiño. Durante os meses cálidos, levedar 12 horas na neveira e sacar 2 horas antes de facer os gofres.
- Quencer a gofreira e pór a masa sobre ela. Cociñar uns minutos até que estea dourado.