Roti John
O roti john e un sanduíche de Singapur. Eu calificaríao como porcallada gourmet porque tira á fritanga, pero coa cabeza alta. Preparalo pode levar uns 3 minutos, uns dos motivos polos que o preparo moitas mañás xunto con o café.
Ingredientes
- Unha cullerada xenerosa de carne picada (a que teñas)
- 1/4 de cebola picada.
- Unha culleradiña do teu curri favorito.
- 1 ovo grande
- Media barra de pan
- Mollo agridoce (ketchup, chile doce, bbq…)
- Sal
- Aceite de sabor neutro
Preparación do roti john
- Cociña a carne nun pouco de aceite até que estea branca.
- Engade a cebola, sube o lume e cociña até que estea dourada.
- Baixa o lume e engade o curri. Remexe.
- Abre o pan pola metade.
- Bota un ovo mexido por enriba da mestura de carne, cebola e curri.
- Cobre co pan aberto e deixa callar o ovo.
- Saca da tixola (eu uso un prato, como se virara unha tortilla) e condimenta co teu mollo agridoce escollido.
O curri que eu uso habitualmente é este Curri de Madrás, da empresa galega 1001especias. Coidan bastante o produto, sen usar aditivos baratos que aumentan o volumen das mesturas (o sal e a fariña, entre eles).
O mollo agridoce que eu uso é este que fago na casa: fago un puré con medio pemento vermello, unha ou dúas malaguetas, 2 dentes de allo e 1 anaco de xenxibre do tamaño dun croque. Cozo nunha mestura de auga e vinagre e 2 culleradas de azucre. Tras 5 minutos, boto auga disolta en maicena para que engorde. Consérvase ben durante un mes na neveira.